Xente miúda

Día 5 | O dito de nos crecen los enanos queda ben traído nesta ocasión. Afeitos como estamos a recibir realizadores de todas as edades, non contábamos con este pequeno exército de escolares entre nós. Viñan convocados para o OUFF Escola, esa marabillosa iniciativa que pretende inculcarlle aos máis novos a paixón polo cinema e polo audiovisual, á marxe de fomentar o galego nestes eidos, e que xa vai pola súa cuarta edición. Hoxe tocaba entrega de premios, e que menos que montarlles unha gala para a ocasión, con presentadoras (Uxía Morán e Ledicia Álvarez) e todo. O conto era reunirse, aplaudir a rabiar e, de postre, ver as películas gañadoras.

Os galardóns, coma os premios gordos da lotería, repartíronse entre centros de toda Galicia: Pontevedra (Chapela, Salvaterra do Miño e Pontevedra), A Coruña, Braga -cidade que adoptamos para esta edición- e Cea, en Ourense. Por idades, contamos con pícaros, como lles din en Lugo, de tres anos, e con non tan pícaros, os de Bacharelato, que xa contaban con 16 primaveiras. Todos ben ordenados na entrada, coa fotografía de rigor fronte ao letreiro da nosa oficina, e ben formais na colocación dentro do Auditorio, que non se diga que veñen ben aprendidos. E para aprendidas, as autoridades, que non quixeron faltar á cita co OUFF Escola: alí estaban o alcalde, Agustín Fernández, e as concelleiras de Educación e Saúde e Benestar, así como os representantes da Xunta en Ourense. Apoiando o acto, como ten que ser!

Queredes saber até onde chegan estes rapaces? Eis os vídeos gañadores das dúas categorías: a de Infantil e Primaria (Maxín, do CEIP Mestre Valverde de Mayo, de Pontevedra), e a de Secundaria e outros niveis de ensino non universitario (Eu falarei, do IES Chapela, de Redondela)

Unha opinión sobre “Xente miúda

  1. Pingback: LER e VER [documento e notícias recentes, sobre] | TIC, Educação e Web

Deixar un comentario