O San Martiño do 17OUFF

Día +1 (resaca de) | E así foi. A polaca Roza, do director Wojciech Smarzowski, gañou a Calpurnia á Mellor película do 17OUFF, encabezando un palmarés no que destaca Ali, cos premios do Público e ao Mellor Director (amáis dunha mención a Nadia de Santiago), e Historias que só existen quando lembradas (premio especial do Xurado e mención á mellor fotografía). The Enemy pecha a lista co Premio ao Mellor Guión. E mentres entregábamos os premios, na gala de clausura, soaban afilados os coitelos do matachín. No día do Magosto de dous mil e doce, ao Festival de Cine de Ourense chegoulle o seu San Sartiño. Seguir lendo

A porra da oficina

Día 7 | Paralelamente á competición de longametraxes do 17OUFF, existe unha outra competición. O seu gañador non se alzará con ningunha estatuíña de Buciños, nin levará premio económico ningún. Tampouco será portada dos xornáis do domingo nin terá o recoñecemento do sector. Agás encher o peito durante unha semana ou tatuar o loureiro do OUFF como recordo da súa victoria, non lle vexo eu outra contrapartida a este concurso. Iso si, a porra do 17OUFF levanta paixóns, sobre todo porque está máis aberta que nunca: no apartado a mellor película hai propostas para todos os gustos, aínda que destacan Poupata e Roza. No resto das categorías (mellor director, mellor guión, e premio especial do xurado) atopámonos cunha auténtica macedonia de apostas, e só no apartado de premio do público temos unha candidata firme (Ali). Pero, como todo, para gustos, colores, e quen decidirá os gañadores será o xurado así que… admítense apostas!

Do you understand me?

Día 5 | Alemán, checo, inglés, portugués… coa presenza de convidados de diferentes partes de Europa, a oficina do Festival converteuse hoxe nunha pequena Babel. E cando non tes un tradutor a man, hai que facerse entender como sexa. E dígovos unha cousa, que non nos foi tan mal. Se cadra non temos o first en regla, pero de dotes comunicativas andamos sobrados, que o carallo é entenderse. Fagamos un experimento: xuntemos un galego falante que se apelida Gallego cun checo de Checoslovaquia que recoñece abertamente que, de inglés, just a little… Como acaba o conto? Seguir lendo

As pelis do 17OUFF: Electrick Children (e12)

Ó.I. | Día -3 | Sexa oficial ou oficioso, atreveríame a afirmar que existe un subxénero cinematográfico que é o “cine indie (independente) norteamericano”. É difícil definilo, pois trátase dun caixón de xastre onde teñen cabida cousas moi distintas, pero poderiamos convir que é un cinema intimista e psicolóxico, centrado nos personaxes, cunha estética realista, un ton que alterna o amable e o duro e bandas sonoras de calidade. Se o ano pasado era The Off Hours, cos seus cafés en diners e as súas discusións en lavanderías, a representante desta tendencia na competición, a cota de alternativo estadounidense en 2012 está representada por Electrick Children (Dir. Rebecca Thomas. EEUU, 2012). Seguir lendo

As pelis do 17OUFF: Poupata (11/12)

Ó.I. | Día -4 | O Nadal é unha das épocas máis estresantes do ano. Que non nos enganen as boas intencións festivas: o que importa é o mercantilismo e se non es feliz por decreto, suicídate. Xa custa sobrevivir á Noiteboa en condicións normais, pero imaxina que o teu marido é un alcólico ludópata ao que acaban de botar do traballo, que a túa mellor amiga e confidente é unha inmigrante vietnamita que case non fala o idioma, que a túa filla acaba de quedar empreñada por sabe Deus quen e que o teu fillo gastou os seus aforros en liberar do seu chulo a unha puta da que namorou ao vela facer striptease… Dan ganas de cortarse as venas! Seguir lendo

As pelis do 17OUFF: ROOM 514 (10/12)

Ó.I. | Día -4 | A cinematografía israelí é aínda unha grande descoñecida no noso país. Unha mágoa, pois polo que nos chega ao festival cada ano podemos constatar que é un cine novo, urbano, arriscado, que non ten medo de contar pequenas historias cotiás ao tempo que aborda en paralelo a difícil situación política que se vive no país. Empezan a soarnos nomes como Amos Guitai ou Eytan Fox, e vannos chegando remakes norteamericanos antes cós orixinais hebreos (as series Homeland e In Treatment están baseadas nas israelís Hatufim e Be Tipul), pero aínda nos queda moito por descubrir. Seguir lendo

As pelis do 17OUFF: The Enemy (4/12)

Día -8 | Ó.I. | É moi estraño ver filmes sobre a guerra que enaltezan os conflitos armados. Agás algún esporádico produto propagandístico, o habitual (o lóxico) é que as películas bélicas condenen o absurdo dos combates, amosando as brutais secuelas sobre os participantes e confirmando que non se resolve ningún problema a bombazos. The Enemy (Dir. Dejan Zečević. Croacia – Hungría – Bosnia – Serbia, 2011) non ten nada novo que aportar na mensaxe: outro alegato antibélico máis (desta vez, co conflito serbio de pano de fondo); o que si é novidoso é o orixinal punto de vista. Non hai crónica desde as trincheiras, nin o caos marcial das batallas nin os habituais lugares comúns: a achega vén dende outros xéneros fílmicos clásicos. Seguir lendo