As pelis do 17OUFF: Volcano (8/12)

Ó.I. | Día -6 | No circuíto festivaleiro había expectación por descubrir como sería a ópera prima de Rúnar Rúnarsson, un brillante talento no eido das curtas que acaparou case un cento de premios e recoñecementos coas súas tres pezas anteriores, e de certo que non decepciona. Volcano (Dir. Rúnar Rúnarsson. Islandia, Dinamarca, 2012) conta unha fábula cautelar desgarradora sobre un xubilado que se decata tarde de máis que desbotou gran parte da súa vida: non ten amigos, os seus fillos ódiano por ter sido un pai distante e aínda que a súa esposa tenta entendelo, cústalle perdoar as súas arroutadas. Entón sucede o impensable e Hannes (un espléndido Theódór Júlíusson, contido e exultante, que brilla en cada rexistro) tenta redimirse cun último sacrificio, aínda que talvez xa é tarde para recuperar o tempo perdido.

Rúnarsson presenta a traxedia deste ancián (agradécese poder ver en pantalla historias adultas sobre a terceira idade, un colectivo normalmente ignorado polo cinema comercial) cunha abraiante sutileza, cunha moderación que porén contén un trebón de emocións reprimidas que acaban por salpicar ao espectador. Un pouco como a paisaxe islandesa: baixo un xélido exterior agóchase un turbulento interior magmático.

É imposible falar deste filme sen referirse á súa “islandesidade”. É difícil explicalo sen revelar un spoiler como unha casa, pero digamos que soamente nun país cun sólido estado do benestar coma este a sanidade pública podería xogar un papel tan transcendental no desenlace dos eventos (e namentres, nós aquí desmantelando a lei da dependencia, impoñendo o copago e privatizando). Volcano zumega esa melancolía calma que normalmente asociamos á novela negra dos países nórdicos, que vén ben para purgar a alma e lembrarnos aplicar o carpe diem mentres aínda poidamos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s