Pelis do 17OUFF: Histórias que só existem quando lembradas (6/12)

Día -7 | Ó.I.| Facendo a selección, cada visionador ten unhas filias e unhas fobias e chegar a un consenso non é cousa sinxela. Lembro que alguén rosmou, ao debatermos Histórias que só existem quando lembradas (Dir. Julia Murat. Brasil, Arxentina, Francia, 2011), que lle parecía unha película moi lenta. Aínda me resulta curioso que el o vise como algo malo, pois para min é un dos seus grandes méritos. Nestes tempos de audiovisual frenético e trepidante (que sexa rápido non implica que sexa bo), non abondan os filmes de ritmo repousado que se tomen o seu tempo en formular unha situación, en presentar con calma uns personaxes e un contexto, en transmitir máis cos seus silencios que cos seus diálogos.

Pero é que ademais non podía ser doutro xeito. O microcosmos que é Jotuomba, unha aldea perdida no Amazonas (un Cicely tropical), ancorada nun pasado sen electricidade nin luxos modernos e que se foi despoboando ata só quedar nela unha ducia de anciáns, non se pode aprehender máis que cun compás tranquilo, calmo, sosegado… Créase así a atmosfera propicia para entendermos realmente o choque cultural que lle supón a Madalena, unha panadeira septuaxenaria que nunca saíu da vila, coñecer a Rita, unha fotógrafa de vinte e tantos de viaxe polo Brasil rural para inmortalizar unha forma de vida tradicional antes de que se perda.

Cada unha aprende da outra, pero é especialmente conmovedor ver á avoa receosa abrirse ante unha rapaza independente e botada para adiante, unha muller tan diametralmente distinta que a obriga a dubidar da súa autoimposta monotonía. Histórias… é unha obra gozosamente sensorial, das que fan sentir o peso do tempo sobre os ombreiros, e que conquistará aos nosos espectadores máis esixentes.

Advertisements

One thought on “Pelis do 17OUFF: Histórias que só existem quando lembradas (6/12)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s