As pelis do 17OUFF: Little Thirteen (7/12)

Ó.I. | Día -7 | Un dos obxectivos de calquera festival cultural debería ser o de poder crear canteira acollendo no seu seo a creadores novos e dándolles a oportunidade de desenvolveren unha voz autoral propia ao seu abeiro. Talvez un dos alumnos avantaxados xurdidos do OUFF sería o alemán Christian Klandt, que gañou a Calpurnia á Mellor Película hai catro edicións coa súa ópera prima Weltstadt e que agora regresa a Ourense a presentar a súa nova longa Little Thirteen (Alemaña, 2012), un traballo que consideramos á altura do primeiro.

Na súa filmografía, Klandt semella fixado en explorar adolescencias problemáticas, enmarcadas nunha Alemaña oriental na que a resaca da unificación foi traumática para unha parte da mocidade que vaga desorientada sen oficio nin beneficio. Na película previa, baseada en feitos reais, seguía durante 24 horas a un par de mozos que lle prendían lume a un indixente. Nesta ocasión amósanos a dúas raparigas inconscientemente promiscuas, que tentan paliar as carencias afectivas que sufriron (con todo, elas son bastante máis asisadas cás súas nais) deitándose con todos os homes cos que poden, e pagando un prezo polas súas escollas.

Sabemos que Little Thirteen será un filme controvertido polo seu alto contido sexual con personaxes menores de idade, pero sentimos desilusionar ao que espere unha peli semiporno coa que alegrar o ollo: atopámonos ante unha obra bruta e arriscada que ilustra unha realidade descarnada sen moralismos pero tamén sen achantarse, cunha atinada posta en escena deliberadamente aséptica e crúa. Ao mellor ofende, pero diso se trataba. Con esta investigación do sexo mal entendido, Klandt afiánzase no seu estilo e podemos vaticinar que de seguro volverá ter un oco neste evento cos seus vindeiros traballos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s