Aprende linguas co 17OUFF

Auria Rodríguez* | Día -7 | No departamento de Tradución do OUFF sabemos o útil que é ver películas en versión orixinal para aprender linguas e coñecer as realidades culturais dos lugares onde se falan as linguas que estudamos. Desgraciadamente, nunha cidade como Ourense non hai moitas oportunidades para ver versión orixinal en pantalla grande, polo que os días do OUFF temos que aproveitar a conxuntura.

Este ano, na sección oficial do 17OUFF temos películas en alemán, como Little Thirteen e Roza (en parte en alemán e en parte en polaco), e tamén un filme en inglés, Electrick Children, sobre unha adolescente dunha familia mormona dos Estados Unidos. Os máis afoutos tamén teñen na competición filmes en turco, hebreo, serbio, islandés, árabe, checo e esloveno.

A lingua portuguesa está presente na súa variedade brasileira tanto na sección oficial, cunha película que acontece nunha vila rural ficticia do Vale do Paraíba, Histórias que só existem quando lembradas, como no ciclo América Latina, con A cadeira do pai, un filme que mostra unha viaxe polo Brasil. E tamén temos no ciclo Europa un poético documental portugués, Outras cartas ou o amor inventado.

Xa que na sección oficial non hai este ano ningunha película en francés, o ciclo temático Europa inclúe varios traballos nesta lingua. Está o documental francés Le bonheur… Terre promise, no que o seu director cruza Francia a pé, xunto con tres curtametraxes, a francesa Je vous prie de sortir, a suíza Eskapop e a belga Ryu.

E, por suposto, no OUFF tamén se pode practicar o galego. No ciclo temático Panorama Galiza está a película A pesar de todo, quérote, pero ademais case todas as películas teñen subtítulos en galego (feitos con moito amor, por certo), así que podedes practicar dúas linguas polo prezo dunha. Por non falar do resto de actividades do festival que se desenvolverán en galego, como as Galas de Inauguración e de Clausura, os Encontros e varios dos concertos incluídos nas actividades paralelas.

 

* Auria Rodríguez traballa no departamento Tradución do OUFF e, antes que lectora deste blog, tamén bota unha man á hora de atinar cos mellores xiros lingüísticos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s