As pelis do 17OUFF: The Last Friday (5/12)

Día -8 | Ó.I.| The Last Friday (Dir. Yahya Alabdallah. Xordania, 2011) é unha produción xordana, pero sabemos que é fácil trabucarse e pensar que é iranana, pois adscríbese á tradición do cinema persa observacional (practicada por Kiarostami, as irmás Makhmalbaf e tantos outros), unha corrente que desenvolve historias con anécdotas mínimas, nas que o importante é seguir a uns personaxes de xeito pseudo-documental para amosar as circunstancias que os arrodean. E o suxeito escollido por este filme non podía ser máis interesante: Yousef, un taxista divorciado e arruinado, que ten que repensar a súa situación no mundo ante a inminencia dunha cirurxía da que pode que non se recupere.

Son tempos de cambio en Oriente Medio, onde a Primavera Árabe está a renovar de urxencia unhas anquilosadas sociedades patriarcais, e un home coma o noso protagonista corre o risco de perder o tren e quedarse atrás nesta encrucillada. Non sabe como relacionarse coa súa ex muller, que casou cun home rico mentres el nin sequera pode pagar a súa operación, e non sabe como exercer de figura paterna para o seu fillo, un adolescente desatendido a piques de sufrir o fracaso escolar. E só ten tres días para deixar todos os cabos atados antes de pasar polo quirófano.

Alabdallah atina no seu retrato minimalista desta Xordania en transición, na que uns están preocupados por mercar o iPhone de última xeración mentres outros non teñen para cambiar os fusibles. De feito, co seu hábil uso do discurso diexético a través de televisións e radios de fondo consegue colar varias críticas contra o goberno evitando a censura do seu país. Este filme multipremiado en diversos festivais (tres galardóns apañou en Dubai) dará moito que falar, especialmente ese demoledor final que queda aberto a múltiples interpretacións.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s