As pelis do 17OUFF: The Enemy (4/12)

Día -8 | Ó.I. | É moi estraño ver filmes sobre a guerra que enaltezan os conflitos armados. Agás algún esporádico produto propagandístico, o habitual (o lóxico) é que as películas bélicas condenen o absurdo dos combates, amosando as brutais secuelas sobre os participantes e confirmando que non se resolve ningún problema a bombazos. The Enemy (Dir. Dejan Zečević. Croacia – Hungría – Bosnia – Serbia, 2011) non ten nada novo que aportar na mensaxe: outro alegato antibélico máis (desta vez, co conflito serbio de pano de fondo); o que si é novidoso é o orixinal punto de vista. Non hai crónica desde as trincheiras, nin o caos marcial das batallas nin os habituais lugares comúns: a achega vén dende outros xéneros fílmicos clásicos.

Para min esta é ante todo unha película de suspense, que me lembra moito aos típicos misterios de Agatha Christie: ese batallón de dez soldados illados nunha casa rodeada dun campo de minas no que por distintas circunstancias van morrendo un a un está calcado de Dez negriños. Pero tamén hai bastantes elementos de terror gótico: ese prisioneiro rescatado que se cadra é o mesmísimo Satán a xogar coas almas dos militares lémbrame a bastantes figuras mefistofélicas, empezando polo Al Pacino en Pactar co diaño. E pode verse tamén un certo pouso fantástico, e unhas pingas esporádicas de comedia (negrísima, non podía ser de outro xeito).

Ademais de ser un interesante crisol de xéneros, o filme destaca pola súa impecable factura técnica, especialmente a impactante fotografía, a montaxe sen tregua para as secuencias de acción e o deseño de son. Unha refrescante alegoría que anova unha guerra xa algo trillada audiovisualmente e que conseguirá incomodar a un público desexoso de emocións fortes.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s