As pelis do 17OUFF: ROZA (3/12)

Día -9 | Ó.I. | O século XX está cheo de episodios que aínda que un preferiría esquecer non se poden ignorar, para non correr o risco de repetilos. Se cadra o Holocausto, que está na cuspe desta pirámide da ignominia, eclipsa a outras calamidades do período, pero deberiamos preocuparnos por coñecer estes sucesos da historia recente. Avergóñame recoñecer que antes de ver Roza (Dir. Wojciech Smarzowski, Polonia 2011), non tiña constancia do xenocidio que sufriu a rexión de Masuria trala Segunda Guerra Mundial, pero agora que o sei, síntome máis afortunado por ter unha visión máis completa e matizada do devandito conflito: o relato dos vencidos e dos anónimos.

Roza é unha lección de historia, si, pero o filme non aburre nin adoutrina. Intercala os acontecementos de macropolítica masuria, amosando a limpeza étnica que exerceron os novos moradores sobre os autóctonos deste territorio alemán cedido a Polonia, con sucesos a menor escala, as miserias da familia protagonista (un soldado desertor e unha granxeira viúva entre os que xorde un inesperado romance) en plena posguerra. Deportacións, estraperlo, saqueos, violacións… pero tamén contados (e por iso apreciadísimos) momentos de lirismo no medio da barbarie: o mellor e o peor do xénero humano en circunstancias extremas.

Polo éxito que tivo Siberia Monamour o ano pasado, intuímos que unha porción importante da nosa audiencia devece por poder chorar a moco tendido con tráxicos melodramas na escuridade da sala de cine, e de certo que este será o título que colmará as súas expectativas nesta edición. Un filme premiado en Fantasporto (Mellor Actor: Marcin Dorociński) que ademais representa a Polonia na carreira dos Oscars. Que vostedes o pasen ben pasándoo mal.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s