Xa temos A LISTA

Día -10 | Esta mañá presentamos, con grande asistencia de xornalistas e coa presenza do novo alcalde de Ourense, Agustín Fernández, así como do noso voceiro e administrador (o que lle pon o rabo ás cereixas, como se di pola oficina), Diego G. López, os filmes que participarán na competición oficial deste ano. 12 películas para unha selección diversa pero equilibrada no tocante á programación, arriscada temáticamente e que de seguro deparará moitas sorpresas entre o público do 17OUFF. Xa vos iremos falando de vagar de cada película pero, polo de agora, aquí vos deixamos un breve resumo de cada unha.

COMPETICIÓN DE LONGAMETRAXES (premede no título para acceder á súa ficha)

Little ThirteenChristian Klandt / Alemaña
Un drama descarnadamente sexual que explora os problemas dunha xeración de adolescentes que sofren as carencias educativas e a falta de valores transmitidas por uns pais despreocupados. A ambientación nunha sociedade tan aceleradamente capitalista como a de Alemaña Oriental non é casual. Dirixida por Christian Klandt, gañador da Calpurnia á Mellor Película pola súa ópera prima Weltstadt no OUFF 2008.

Room 514  / Sharon Bar-Ziv / Israel
Un thriller político claustrofóbico e adictivo que se desenvolve case por completo nun único escenario, unha sala de interrogatorios, e con cinco únicos personaxes, que porén non peca de teatralidade. Filme de denuncia que cuestiona a permisividade do exército israelí cos abusos dos seus soldados contra os civís palestinos nos Territorios Ocupados.

RozaWojciech Smarzowski / Polonia
Melodrama de época ambientado na rexión de Masuria, un territorio alemán cedido a Polonia trala Segunda Guerra Mundial, e que relata o xenocidio que sufriu este pobo por parte dos novos moradores, canda as demais miserias da posguerra. Un episodio histórico pouco coñecido que convén difundir. O filme ideal para o público ao que o ano pasado lle gustou Siberia Monamour.

Can Rasit Çelikezer / Turquía
Drama familiar que se desenvolve en dúas liñas temporais e que amosa como a imposibilidade de ter fillos de forma natural afecta a un matrimonio de clase traballadora en Estambul. Destaca o seu retrato dunha esposa coraxe, un personaxe ruturista nunha sociedade tan pouco igualitaria como a turca. Un filme premiado en Sundance.

VolcanoRúnar Rúnarsson / Islandia, Dinamarca
Unha desgarradora película que presta atención a un dos colectivos normalmente ignorados polo cinema: a terceira idade. Un estudo de caso que explora as vantaxes da lei da dependencia nun estado do benestar como a islandés. Ópera prima de Rúnar Rúnarsson, un dos máis recoñecidos curtametraxistas europeos (máis de 100 galardóns).

The Last FridayYahya Alabdallah / Xordania
Filme de estilo observacional (na mellor tradición iraniana) que explora a situación de indefensión e emasculación na que pode sentirse un home de clase baixa (un divorciado arruinado) nunha sociedade en plena ebulición como a de Oriente Medio. Un intelixente uso do subtexto e do son ambiental permitiulle ao director arremeter contra o goberno xordano evitando a censura. Multipremiado en Dubai.

Histórias que só existem quando lembradasJulia Murat / Brasil, Arxentina, Francia
Fábula amazónica que analiza varias problemáticas coas que nos podemos identificar moito en Galicia: o éxodo rural e a perda dos saberes tradicionais (a vida moderna, tan rápida, tende a ignorar os repousados costumes dos devanceiros). Unha delicada historia de ritmo lento e trufada de pequenos silencios que conquistará aos espectadores esixentes, facéndolles desexar visitaren unha vila tan idílica como Jotuomba.

Ali / Paco R. Baños / España
Comedia romántica con pouco almibre que relata a chegada á vida adulta da súa protagonista, unha rapaza con serios problemas para abrirse emocionalmente por mor dos sacrificios que sufriu desde nova por ter unha nai enferma. Película de actrices na que destaca un duelo interpretativo de altura entre Nadia de Santiago e Verónica Forqué, premiada no Festival de Málaga.

Poupata / Zdenek Jirasky / República Checa
Drama temperado con pingas de humor negro que conta as distintas miserias (o alcolismo, o desemprego, a exclusión dos emigrantes ou un embarazo non desexado) ás que se enfrontan os membros dunha familia checa de provincias nos días previos á Noiteboa. Unha agridoce radiografía que amosa as consecuencias do post-comunismo na Europa do Leste en contraste cunha época tan mercantilista e benintencionada coma o Nadal.

Izlet / Nejc Gazvoda / Eslovenia
Conmovedora road movie sobre un tema tan universal como pode ser a supervivencia da amizade: é posible conservar aos amigos do instituto ou irremediablemente as distintas circunstancias da vida rematan por separar ás persoas? Un axuste de contas co pasado que fará que a audiencia saia cavilante da sala. Candidata eslovena aos Oscars deste ano.

The Enemy / Dejan Zeevi / Croacia
Orixinal filme antibélico que plasma os sinsentidos da guerra (neste caso, do conflito serbio) mesturándoos con outros xéneros coma o terror, o fantástico ou o suspense (o guión lembra moito aos típicos misterios de Agatha Christie: o batallón illado nunha casa rodeada dun campo de minas fai pensar nos seus Dez negriños). Ten unha factura técnica (en especial, a súa fotografía) impresionante.

Electrick Children / Rebecca Thomas / EEUU
A cota de indie norteamericano deste ano. A directora plasma, nun guión con moitos elementos autobiográficos e cun toque de realismo máxico, o choque cultural que sofren os nenos educados en seitas mormoas e amish cando descobren a vida occidental moderna, e por conseguinte o pecado (exemplificado na excesiva Las Vegas). Denuncia sen acritude dos fanatismos relixiosos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s