O principio da fin

Día -14 | Óscar Iglesias* | Aínda que pareza que o Festival de Cine só dura dez xornadas, montalo supón todo un ano de traballo (en circunstancias normais; desta vez, o OUFF estivo varios meses en barbeito por motivos alleos á nosa vontade), e ao pouco de pechar unha edición xa se está a abrir a seguinte. Con iso, os traballadores vivimos nun eterno retorno de fases do proceso (recepción, selección, produción, proxección… e volta a empezar) no que nos custa datar exactamente o comezo do Festival. Cando podemos dar por iniciado o 17OUFF? O día que se abre a inscrición? O día que se pecha o programa? O día que facemos pública a información dio evento? Xusto na gala de inauguración?

Para min, o 17OUFF empezou oficiosamente esta mesma mañá, pouco despois do mediodía, cando unha parella se achegou ata as nosas luminosas e coquetas oficinas sitas na Praza do Auditorio para pedir información sobre as entradas da cerimonia inaugural (por se hai alguén con esta mesma dúbida: poranse a venda o vindeiro día 24).

Non é estraño que veña xente por aquí; continuamente estamos a atender a público nesta oficina, pero os visitantes nunca, nunca, nunca veñen por nós. Polo xeral son pobres almas descarreiradas preguntando por onde se entra á Escola de Artes Escénicas ou onde se mercan as entradas da función do Auditorio. Será que a nosa é a primeira porta aberta que vén ao subir pola rampliña dende a rúa da Canle, ou que recalan confundidos ao non atopar os agochados accesos destas dúas institucións (Xosé Manuel Casabella, puido quedarche a cabeza descansada ho). En calquera caso, e ata que poñan un indicador con frechas que sinale os distintos traxectos a cada edificio, a sede do Festival funciona como faro en medio da tormenta para estes navegantes culturais extraviados.

Por iso, tras pasar meses e meses devolvendo ao bo camiño a cada náufrago que cruza o noso limiar (unha función social que facemos encantados pero pola que deberíamos cobrar un plus na nómina), fai ilusión atopar a alguén que veu vernos expresamente, que está interesado no que vendemos. Que non quere saber os prazos de matrícula dos cursos de música, os horarios de atención ao público de Cultura ou os prezos do FITO, senón que quere saber se xa chegaron os nosos catálogos ou que lle vendamos un bono para 5 sesións.

Se o outono se considera empezado cando emigran as andoriñas, o 17OUFF debería darse por iniciado cando os curiosos empezan a interesarse por el. Ou expresado dun xeito máis hermenéutico: o Festival comeza cando a cidade é consciente de que comeza. E iso, coido, foi esta mañá.

* Óscar Iglesias é o responsable do departamento de Tradución do OUFF e “o dardo na palabra” deste blog.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s