O festival rescatado

Día -16 | Ángel Suanzes* | É a hora do rescate. Non hai máis tempo. Esas mans que aparecen no cartel deste ano no OUFF semellan pedir axuda. Hai que rescatalo. Seica non fixo os deberes, pode que non fora (na maioría dos momentos) o Festival de cine que buscaba Galicia, que necesitaba Galicia, pero… Pero hai que axudalo, polo ben do cinema. Do cinema galego. Galicia é un pequeno territorio que loita por ter unha cinematografía propia, unha voz de país que resoa e demanda quedar asinada en imaxes.

Os berros e os murmurios audiovisuais dunha sociedade como a galega dan reviravoltas por diversos espazos, necesarios pero insuficientes. Mentres os cineastas pasan dos Anacares e triunfan, en Galicia teñen que conformarse con ocos periféricos afastados do gran público. A gran cita que amose o cine galego na casa tense que repartir en iniciativas máis modestas.

Ourense ten que afrontar ese reto. Por convicción e por necesidade. Servir de escaparate para o cine galego para Galicia e para o mundo. Pero ese reto só se pode construir con tempo. Con confianza. Unha confianza que parece estar diluída noutros asuntos que non teñen que ver co CINE, así con maiúsculas.

Dá igual que o OUFF teña 17 anos ás súas costas e que pasaran por el centos de películas, e que moitas foran importantes. Hai que empezar de cero. Mirar o reloxo e ver que os minutos que existen son os que están diante, non os de atrás. Liberarse desas ataduras tan coñecidas que xa cansamos só de pensalas.

O OUFF necesita un rescate… e deixarse rescatar. Necesita que o apoiemos e deixarse apoiar. Empezando a construirse desde a humildade e o recoñecemento do público e do sector. Levo anos escoitando que esta será a última edición, agardo que non. E tamén agardo que as mans do cartel sexan para axudar, non para afogar os últimos folgos dun festival necesario para o cinema galego.

 

* ÁNGEL SUANZES é xornalista cinematográfico. Desenvolve a súa profesión no programa  Zig Zag e Eirado da TVG, pero tamén podemos seguilo a través da rede, onde nos mantén ao fío da actualidade do audiovisual galego a través da súa conta de Twitter.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s