O cinema como construtor de olladas

Día -23 | María Valcárcel * | Existen, por descontado, moitas maneiras de formar unha ollada propia sobre as cousas. En principio, cadaquén é libre para elixir camiños e moradas nas que repousar o seu pensamento. O cine non integra (nin se quere que o faga) todos os mundos, nin acompaña todos os seres. Porén, sería quen de facelo e, é bonito pensar que posúe semellante habilidade.

Dende os seus comezos, o elemento máxico estivo moi asociado co concepto de imaxe en movemento, os avances técnicos marchaban parellos coa imaxinación dos primeiros realizadores; nada era imposible, aínda que o parecese. Hoxe en día, perdeuse un pouco ese afán idealista de procura no cine. A tecnoloxía supera calquera tipo de barreira, pero a ollada do espectador quedou ancorada nunha sorte de “confortable entretemento” que comporta unha perda de interese polas preguntas, os cuestionamentos, a aprendizaxe e a reflexión.

Reivindicar un cinema puramente intelectual, que resposte a razoamentos lóxicos unicamente, sería desequilibrar unha arte que pode dar moito máis de si. É desexable “deixarse levar”, experimentar toda clase de emocións, apaixonarse e, en definitiva, sentir plenamente o que estamos a ver. Mirar con paixón achéganos á maxia do primeiro cinematógrafo, á inquedanza primixenia do coñecemento.

Se miramos así, as películas convértense en fontes de sabedoría. En retazos de historias que falan de xentes que se asemellan moito a nós, de mundos que ben poderían ser os nosos e de soños que, ineludiblemente, agardan nas nosas cabezas a ser soñados.

Vivir co cine na ollada é aprender a mirar con amplitude, porque contar unha historia é abrir un mundo. E hai un mundo alí onde paren os nosos ollos.

É aí onde está a maxia.

 

* MARÍA VALCÁRCEL é xornalista. Realiza crítica cinematográfica nos xornáis O Progreso e LV-De Luns a Venres, ademáis de na Cadena SER en Lugo. O pasado 16OUFF formou parte do Xurado Internacional de Curtametraxes de Ficción, xunto a Antonio Mourelos e Massimiliano Nardulli.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s