Pola súa mesa os coñeceredes

Día -24 | Do mesmo xeito que a faciana é o espello da alma, as mesas de traballo poden falar moito de quen se senta fronte a elas. Poden denotar personalidades maniático compulsivas, deixadas, artísticas e mesmo xerárquicas. Iso si: todas cheas de traballo. Hoxe propoñémosvos facer un breve repaso polas mesas da nosa oficina e coñecer así, dun outro modo, aos traballadores que nelas se sentan. Comprendede iso si, que entramos sen avisar, e as cousas poden estar ao seu libre albedrío… así que, antes de nada, desculpas pola desorde e… benvidos.

Mesa 1

Empezamos pola mesa de Administración (1), onde se senta Diego G. López. A súa é un clásico exemplo de “mesa de mando”, chea de papeis con notas urxentes (non confundir con inmediatas), caixóns abertos e teléfono sempre descolgado. As facturas amontónanse na mesa pero sempre hai un momento no día para ordenar, xerarquizar e clasificar. Aposto a que é o típico lugar de traballo que agocha, baixo o caixón, un kit de primeiros auxilios para a hixiene (cepillo e pasta de dentes…).

Mesa 2

De aí pasamos á mesa de Tradución (2), un foro aberto á participación nun debate permanente. Postos de traballo enfrontados para a visión directa dos integrantes do departamento e, no posible, libre de papeis. Iso si, con computadoras supletorias, ideais para a multitarea, ese conceito tan socorrido enstes tempos. E iso que só vos puidemos amosar a metade da súa mesa, que a ágora continúa para o outro lado.

Mesas 3 e 4

Outra historia son as mesas tipo corredor de fondo. En Produción temos aos dous tipos máis característicos: a de Rebeca Domínguez(3), a única exenta dos estrictos e rigorosos controis de limpeza, vémola cargada de discos duros, deuvedés, anotacións en papeis pequenos, grandes, medianos… e, indispensablemente, un corcho detrás onde ir colocando todas elas. No outro extremo (da oficina, non precisamente da orde e da limpeza) está a de Josemaría -aka Mr. Campo– (4), con pilas de deuvedés en caixas, fóra das caixas, en sobres, os propios sobres cos orixinais enviados (de papel, de plástico, de colorinchos…) e un acceso directo ao teléfono (de feito, é un dos teléfonos que máis arden da oficina). Os dous manteñen, polo menos ao seu modo, unha sorte de desorde ordenada.

Mesas 5 e 6

Pasamos agora a dúas mesas peculiares: a de Fotografía (5) e a de Informática (6), nas antípodas unha da outra. Se a primeira é unha mesa digamos… minimal, na que calquera ornamentación sobra (unha pequena bandeixa para ir acumulando os “pedidos” e auga, que non falte), a segunda resposta á desorde natural dos informáticos: cables solitarios que apuntan ao infinito, outros que deben ir conectados a algún dos tres equipos que adoitan convivir na súa mesa, desparafusadores (planos, de estrela), notiñas para que, se hai aplicacións informáticas que xa se encargan de lembrarche o traballo e… se vos fixades ben, até unha botella de auga (por descontado, algún uso ten) nun dos equipos que están á espera de destinatario.

Mesa 7

Por último, queremos sacarlle as vergoñas á mesa de Comunicación (7), o departamento que (á marxe de todo un pouco) vela pola orde e a limpeza nos postos de traballo. Malia que aparentemente harmónica, non por iso queremos deixar de sinalar un par de detalles que chaman poderosamente a atención: un rolo de papel hixiénico que se agocha tras o calendario (por outro lado… un clásico de calquera oficina), e se cadra o máis incomprensible de todo: unha grapadora enchufada ao USB da computadora. Cousas veredes…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s