Sen ánimo de pontificar (a golpe de luns)

Día -25 | Lin hai atrás, nunha destas noticias de axencia que se colan en todos os xornáis, que eminentes científicos dunha prestixiosa universidade americana (poñamos por caso que era a de Wichita, por aquelo de varrer para casa) descubriron que o peor momento na semana de toda oficina chega o martes ás 10:30h. Lembro que a nota, en formato breve que non pasaba das cinco liñas, facía especial énfase na inutilidade dos luns, ese día no que os traballadores chegan “narcotizados” (sic) consecuencia da fin de semana. Pasada a primeira xornada, e logo de abrir a bandexa do correo electrónico, decátanse da cantidade real de traballo que teñen por diante o resto da semana…

En virtude das experiencias vividas esta mañá na oficina do Festival de Cine, e empregando este soporte-blog, a todas luces moito menos universal que esas carísimas revistas especializadas, sosteño (que diría Pereira) en tres movementos o seguinte:

1. Que a teoría do “momento pánico” (que é como definía esta información o martes-10:30h) cae polo seu propio peso. Dito doutra forma: que estamos ante un teorema falabarato. Non pasaran das nove e media de hoxe, luns, e o delicado aleteo dun lamento orixinado no departamento de tradución foi pasando, departamento a departamento, ata chegar ao de produción en forma de tsunami.

2. O domingo pola noite recibín unha mensaxe no móbil adiantándome, paso a paso, todas e cada unha das tarefas pendentes do resto da semana. Non entrei precisamente en pánico, pero si saín correndo para o… Vaia, que adiantamos máis de 30 horas o suposto momento fatal.

3. Os martes, como se o noso subconsciente coletivo tivese a ben adiantarse a calquera tentación de entrar en pánico, adoitamos facer unha reunión ao redor dunha mesa con cafés para (deixar de) pensar en como secuenciar, ao longo da semana, os atracóns que adoitamos meternos a golpe de luns.

4. Estes tres postulados péchanse neste, o cuarto: Na oficina do OUFF nunca deixamos para o martes o que podamos deixar feito o luns… aínda que para iso teñamos que estirar o horario do luns até límites insospeitables. (Como estamos a facer hoxe…)

Por certo, mañá martes: reunión sobre materiais de catálogo a primeira hora da mañá; café, para aliviar tensións, a segunda; reunión coa oficina de prensa do Concello de Ourense para coordinar esforzos durante o 17OUFF; terceira proba dos materiais recibidos (en formato DCP) nas salas de cine; chamadas ao estranxeiro para ir pechando viaxes dos protagonistas das películas; envío a imprenta dos elementos decorativos de rúa; confección do primeiro borrador de dossier de prensa e envío de acreditacións; revisar a música do spot; etc. Quen dá máis?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s