Cuestión de prioridades

Día -26 | Hai días nos que dá igual o que pase, porque todo está eclipsado por un acontecemento que semella acaparar toda a atención. No OUFF empezamos a saber o que é iso, para a nosa desgraza, e por iso nos solidarizamos hoxe con todos aqueles eventos culturais que teñan a mala pata de coincidir cun… partido de fútbol. A propósito disto, non podíamos pasar a oportunidade de contar unha anécdota relacionada con este tema. Ocorreu anos atrás, en 2005, cando a película de clausura do 10º Festival de Cine Internacional de Ourense coincidiu, vaiapordeus, co partido do século (daquel ano).

Sucedeu que Mujeres Infieles (Rodrigo Ortúzar, Chile-2004) competía en horario co partido de fútbol. E, cousas do protocolo, as autoridades tiñan que presidir a proxección. Cuestión de prioridades, houbo que elixir. Os que optaron por acudir ao cine, logo de certos momentos de tensión sexual en primeira fila -o corpo nu de Lucía Jiménez, así tan de preto e en formato xigante, provocou algunha que outra suor-, puideron descubrir o cambio de mentalidade das mulleres chilenas despois da lei do divorcio, que as colocou nunha encrucillada da que non sempre saíron indemnes.

Cando se acenderon as luces da sala, os presentes decatáronse de que houbo quen quixo estar, coma o pirixel, en todas as salsas. E disque nas fotos de prensa do día seguinte podíase distinguir o sorriso entre os que chegaron á sala “para aplaudir” e os que, mascullando entre dentes, quedaron sen fútbol aquela tarde. Cousas…

No 16OUFF quixemos conciliar fútbol e cine coa proxección da tamén chilena Ojos rojos (Juan Pablo Sallato, Ismael Larrain, Juan Ignacio Sabatini, Chile-2010), un documental sobre o fútbol e a paixón que desata nun país clasificarse para un mundial. Durante oito anos de seguimento á selección nacional, os trazos e matices que nos conforman como sociedade son reflectidos na derrota e na vitoria, tentando responder que misterio ten este deporte que o converte no máis popular do mundo. Logo da proxección tivemos a oportunidade de departir con Patxi Salinas, adestrador do C.D. Ourense por aquel tempo.

Como vedes, fútbol e cinema casan ben (cando queren).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s