Pasaron por aquí, vol. VII

Día -32 | “Dícese de la situación coral aparentemente caótica o esperpéntica donde los caracteres muestran o ponen en evidencia su monstruosidad sin categoría moral, pero de una forma vitalista”. Así foi como o actor Juanjo Puigcorbé apoiou, no diario Las Provincias, que o termo berlanguiano fose incluído no diccionario da Real Academia de la Lengua. E así foi como o maestro (Luis García) Berlanga se presentou no Festival de Cine de Ourense, aló polo 2005: “Estoy muy contento de estar en Castellón…”

Era a décima edición do OUFF (tamén lembrada coma a edición X), e os organizadores quixeron darlle o máximo boato posible. Para iso, celebrouse un ciclo paralelo á competición oficial dedicado á filmografía de Berlanga que contou coas proxeccións de La vaquilla (1985), Plácido (1961) e Tamaño Natural (1974). Pero tamén coa presenza dos seus: Concha Velasco, a súa musa, e un dos seus máis ferventes admiradores, o director Álex de la Iglesia, que naquel momento rodaba Los crímenes de Oxford. Outro dos que quixo asistir e non puido foi o polifacético Santiago Segura, daquela en Inglaterra “perfeccionando o inglés” (esa foi, cando menos, a excusa que deu).

Os afortunados que puideron departir co xenio valenciano destacan a súa capacidade para conversar e, por riba de todo, o seu grande sentido do humor. Iso si, sen perder un ápice de admiración por el: de todas as fontes consultadas, non hai ningunha que non se refira a el como “Don Luis”.

Outro dos fitos da edición X (ou décima, como prefirades) foi a entrega do premio Concello de Ourense a Imanol Arias, un dos actores que mellor lembranza deixou no seu paso pola cidade. E tanto foi o agarimo recibido que volvería ao ano seguinte. Desta vez, sen a compañía dun grande amigo, o actor Pepe Sancho ou os prometedores Alejo Saura ou Irene Visedo (na foto). Aquel ano tamén nos quixo visitar a presidenta da Real Academia do Cine, Mercedes Sampietro. Malia que a súa estancia foi case vista e non vista, e pese ás reticencias, dise que non quixo marchar da cidade sen probar as excelencias das súas augas. E contan, tamén, que tanto gusto lle colleu aos baños na Chavasqueira que case chega ao aeroporto coa toalla posta.

Pero como a historia vai de grandes nomes do cine español, e como aparece de refilón na historia de Berlanga, hoxe tamén queremos rescatar a do ilustre Alfredo Landa (na foto, con Álex Angulo, director da Seminci), que acodeu a Ourense en 2004 na homenaxe a Juan Antonio Bardem. O actor sorprendeu a propios e alleos coa guitarra facendo as delicias dos comensais e dalgún que outro dirixente ourensán que (disque) se lle parecía moito. (Escóitase dicir que eran “mallados de altura”.) Todo isto até que se decatou de que a viaxe de volta, ao día seguinte, saía demasiado cedo. E foi aí, seica, cando a guitarra desafinou. Pero isto xa son outras historias…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s