O exército de Pancho Villa (vol. IV: Comunicación)

Día -35 | No abecé dos manuais de Comunicación dise que esta é inherente ao ser humano. Unha ferramenta para transmitir con obxetivos claros e determinados, mesmo calculados. O propio Pancho Villa, co fin de que o imperio apoiase a súa causa, quixo promocionarse a si mesmo como amigo dos “gringos”. Pero o departamento de Comunicación do OUFF, lonxe de fins propagandísticos (ou se cadra non tanto…), concíbese como parte consustancial da organización: ser a súa lingua, a súa faciana visible, o perfume que emana… a maquinaria que traballa, en definitiva, para a mellor das percepcións do Festival. Até aí todo ben, agora imos cos detalles…

Por un lado, a parte relacionada coa prensa: redactar e enviar as notas, preparar os argumentarios, coordinar a web, lanzar as campañas de imaxe ou atender as redes sociais. Polo outro, a de relación cos convidados: contactar con eles, prepararlles a viaxe, organizar o aloxamento e, en liñas xerais, coidar dos asistentes ao evento. Estes son, a grandes rasgos, os dous bloques principais aos que atende o departamento de Comunicación pero, se me apurades, aínda hai máis. Porque o mesmo che toca escribir un blog (…) como ir ao hotel a sacar da cama a un convidado que pensou demasiadas veces aquilo dos “cinco minutiños máis” o día da rolda de prensa. E é que de Comunicación, coma os que nacen en Bilbao, pode ser calquera. De feito, é o típico departamento que anda sempre a pedir favores: faime esta tradución por aquí, tírame unhas fotos por aló, prepárame un corte de vídeo para prensa por acó… Pero, atendendo ás liñas de crédito, o do 17OUFF está formado por tres persoas.

Á fronte do batallón literario do exército de Pancho Villa está Iñaki Novoa (Eibar, 1979), quen xa tembla ante a posibilidade do seu cuarto festival. Xornalista formado na USC, está curtido en catro ou cinco batallas menores, pero tende a magnificar. Ten fama de gostar das cousas ben feitas, sendo especialmente impertinente cos pequenos detalles, do “chocolate” da máquina de bebidas e da música… a música que non falte. Aínda que de carácter difícil (disque), correspóndelle sorrir(-sorrir-sorrir) durante os días do Festival. Roubándolle a frase a un colega, “un tipo que sorrí tanto nunca pode ser de fiar”.

Menos mal que ao seu lado conta co apoio de dous puntais sen os que sería inviable sacar adiante o traballo de Comunicación. Un deles responde ao nome de Nicole Leites Cordeiro (Cangas do Morrazo, 1986), unha diplomada en Turismo pola UDC e estudante do Master en Planificación e Dirección de Turismo na UVigo. Conta con experiencia na organización de congresos e na xestión de convidados, polo que non lle será moi difícil lidiar coa que lle vén enriba. No seu primeiro Festival, desexa que “os asistentes conozan a gastronomía, a historia e a cultura de Ourense e Galicia a través do Festival de Cine… e que volvan!”. Polo de agora, pasa os días enchendo as fichas das películas que participarán no Festival, por máis que se lle noten as ganas de “descubrir como se coordina un festival de cine por dentro”… abofé que terá a oportunidade de descubrilo.

O outro dos pilares do departamento é Raquel Vázquez Meleiro (Vigo, 1988), estudante de Comunicación Audiovisual na UVigo. Di que non ten experiencia previa en comunicación salvo “a que puiden adquirir o ano pasado no 16OUFF”. Será que lle soubo a pouco “todo o duro traballo previo ao festival e ter coñecido a xente tan interesante de entre todos os convidados que pasaron pola cidade”. Porén, hai que dicir que aprendeu a sacarlle rendemento a unha das verdadeiras satisfaccións de Comunicación: “Pórlle cara a aqueles cos que durante meses mantiveches o contacto vía mail e coñecelos personalmente”. Para este ano, gostaría de “aproveitar máis o feito de que durante uns días teñas a posibilidade de ver bo cine ao mesmo tempo que coñeces aos responsables dos filmes, poder falar con eles e poder preguntarlles certas curiosidades”, afirma, ao tempo que se marca como reto “que todos os convidados estean o mellor posible e que reciban a mellor atención por parte de todo o equipo (cousa que non dubido)”.

En resumo, que se tedes calquera dúbida ao respecto do Festival, nin o pensedes: preguntádelle a Comunicación (eles xa se encargarán de preguntarlle a outros e respostar da mellor forma posible).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s