Unha man, dúas mans, tres mans…

Día -36 | Dende vai unha semana álzanse, ao longo e ancho da cidade de Ourense, mans de diferente apariencia. Algunhas apuntan alto, como quen reclama dicir algo, tomar a palabra por riba do ruído imperante. Outras, pola contra, semellan querer soster algo, servir de apoio. E tamén as hai que se amosan fachendosas, dando un paso á fronte e reclamando un cambio e un lugar propio. Que misterio, este das mans que hai por Ourense adiante! Mans fortes, mans con trazos máis delicados, mans tatuadas e mans limpas de artificios. Mans con discurso, mans con descaro e mans con vontade e con vocación.

Mans, en definitiva, das xentes de Ourense, e mans que simbolizan unha actitude de reivindicación. O Festival de Cine, na súa campaña de imaxe do ano pasado, apelaba directamente a un público maduro, evolucionado no discurso cinematográfico e posuidor dunha intelixencia emocional que se manifestaba nas diferentes actitudes perante un filme… e lle dicía: adiante, dá o paso, TÓCACHE! Este ano, o público deu ese paso: Nos peores momentos de 2012, cando as únicas aparicións do OUFF na prensa eran por motivos completamente alleos aos cinematográficos, a xente deu un paso adiante e apoiou a celebración do Festival en Ourense.

Fíxoo, sobre todo, apostando por unha programación de cine non comercial, ateigando as salas durante os ciclos que OUFF e Cineclube Padre Feijóo organizaron baixo a denominación de +CINE. Pero tamén o fixo, e cómpre dicilo, de palabra: manifestándonos o seu apoio e a súa solidariedade, pero tamén demandando e esixindo un espazo para o cine de calidade.

Esa illa do cine independente, que comezou no ano 1996, pretende seguir o seu camiño e, para iso, apóiase no paso adiante que deu a cidade de Ourense. “O Festival”, vén dicir esta campaña de promoción do 17OUFF, “está suxeito por cada cidadán, está reclamado por cada cinéfilo, está sustentado, en definitiva, por cada paso adiante dos amantes do cine que hai nesta cidade”.

O público de Ourense e as súas mans convértense así nos grandes protagonistas (ou habería que dicir co-protagonistas?) do cartel deste ano. E detrás del, unha vez máis, a “man” do fotógrafo Daniel Gallego e do departamento de Imaxe e Gráfica do Festival de Cine, que apenas dúas semanas despois da sesión preparatoria xa saca o pastel do forno. Pero como o cortés non quita o valente, esas estremidades anónimas que posaron para o cartel teñen cadanseu nome e cadansúa historia: a da xente que, de forma absolutamente desinteresada quixo apoiar esta campaña de imaxe do 17OUFF. Sen a súa complicidade e sen o seu desexo non tería sido posible levar a cabo este traballo. Por iso… GRAZAS!

Así pois, desenmascarado o misterio das mans, só queda saber o aspecto que terá o cartel do 17 Festival de Cine Internacional de Ourense… e tamén o seu spot, pero diso xa falaremos outro día.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s