A necesaria revisión dos festivais de cine 3/3

Marcos Nine* | Día -42 | [Entregas anteriores: 1/3 e 2/3] É necesario en pleno 2012 seguir con festivais de alfombra vermella pola que desfilen as caras coñecidas do momento (na versión máis ostentosa) ou estrelas de capa caída (na versión máis modesta)? Ao meu xuízo, non. Os grandes esforzos dun festival deben ir encamiñados a ter unha programación sólida e unha liña editorial clara e definida. É dicir, mandar a mensaxe de: “Este é o tipo de cine polo que apostamos”. O demais é accesorio.

Ten sentido, en pleno 2012, que o formato dun festival se estruture a partires de seccións competitivas? Cada vez teño máis dúbidas con respecto a isto. A competencia en festivais parece un gancho para que a prensa se interese no evento e poda poñer un titular do tipo “Tal película é a mellor”. En realidade, sería moito máis produtivo que se pagasen os pases dos filmes e que os premios, de existir, fosen unicamente honoríficos. Iso garantiría que o circuíto de festivais puidese axudar a facer rendible unha película e, por tanto, serviría para que fose máis doado producir certos filmes que no contexto actual teñen complicado/imposible chegar ás salas comerciais. Ademais, o criterio dos xurados é tan cuestionable como a propia elección dos mesmos que, en moitos casos, ten máis de político que de cinematográfico.

Ten sentido, en 2012, a separación ficción-documental-animación? Non. Son clixés que obedecen ao propósito de etiquetar unha obra en lugar de pararse a vela e analizala. Hoxe en día a mestura entre o real e a ficción fai imposible o encasillamento de infinidade de obras nun compartimento estanco. Ser alleo a iso non só significa ignorar por completo o panorama actual, senón a exclusión automática de infinidade de obras que poderían ser acordes á liña editorial dun determinado festival.

En resumo, un festival de cine conleva, en si mesmo, unha función social e cultural á par que unha resposabilidade: a de poñer en contacto a un público coa realidade cinematográfica que se vive na súa contorna e coas distintas tendencias que teñan que ver co cine nese momento. Obviar e non destacar esta función, e a responsabilidade que leva consigo á hora de ofrecer unha programación, pode condenar un festival ao limbo dos eventos prescindibles.

  • [Descarga o texto íntegro de A necesaria revisión dos festivais de cine AQUÍ]

*Marcos Nine (Hannover, 1977) é director de cine. A súa obra percorre, principalmente, polo campo da non-ficción e o experimental, sendo premiado en numerosos certames. Nine ten un especial vencello co Festival de Cine Internacional de Ourense: en 2006 merece o premio ao Mellor Director de Documentais por Pensando en soledad, galardón que repetiría no 2011 por Radiografía dun autor de tebeos. Así mesmo, participou no certame ourensán con Historia dunha parroquia (2007), O premio da Rubía (2008), A fábrica (2009), Aarón (2010), Manuscritos pompeianos e O sol nos Chaos (2011). Na 13ª edición do OUFF foi ademais, xurado na categoría de curtametraxes. Actualmente traballa nun novo proxecto de longametraxe titulado La Brecha.

– Máis info sobre Marcos Nine, aquí.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s