A necesaria revisión dos festivais de cine 2/3

Marcos Nine* | Día -43 | [Vén da páxina anterior] O cine cambiou, transformouse por completo. Deixou de ser un medio só accesible para un tipo de produción que requería de grandes investimentos derivados sobre todo dos altos custos do proceso de rodaxe e copias, a ser un medio democratizado onde as ferramentas para facer unha película están ao alcance de calquera mortal. Esta obviedade, máis que patente desde hai xa uns anos, é a realidade coa que deben convivir os festivais de cine. Sen embargo, e pese a que existen eventos que souberon asimilar con bastante naturalidade os trocos que afectaron ao cine nas últimas décadas, o formato habitual dos festivais, dando por sentado a inxustiza que supón esta xeneralización, segue a ser debedor dun tempo no que as obras estaban condicionadas por un sistema de produción dependente do 35mm.

A ruptura co estándar provocou unha multiplicación de obras e a conseguinte perda de control por parte da “industria” dos produtos existentes no mercado. Ante o abaratamento dos custos e o efecto multiplicador de obras, a reacción da industria foi inmediata: acaparar a maior cantidade de espazo posible e propiciar o colapso actual no cal non hai pantallas suficientes para todas as obras que se producen. Noutras palabras, o que importa é ter o espazo ocupado para impedir o acceso do público a outro tipo de obras e manter así controlado o negocio.

Neste contexto, os festivais de cine teñen un papel trascendental xa que neste momento son o único evento existente no que se “debería” diferenciar unha “obra cinematográfica” do que é un simple “consumible”. O rol dos programadores é clave xa que neste momento a selección nun festival adquiriu xa valores que noutrora correspondían á crítica, a de xulgar e opinar sobre o que merece a pena ser visto e o que non. Hoxe en día, a crítica xeneralista por completo e grande parte da especializada están máis preocupados por falar de quen lles paga que por realizar o seu labor. Por poñer un símil, encher páxinas e páxinas de xornáis para falar da última película de Chris Nolan é como encargarlle a un crítico culinario que opine sobre os gusanitos, pois… “escaso valor nutritivo, pero aos nenos encántanlles”. Con esta mesma frase poderían resumirse unha alta porcentaxe dos filmes que pasan polas salas.

Volvendo ao tema dos festivais, e tendo en conta este panorama: É necesario, en pleno 2012, seguir con festivais de alfombra vermella pola que desfilen as caras coñecidas do momento (na versión máis ostentosa) ou estrelas de capa caída (na versión máis modesta)? Ao meu xuízo, non. Os grandes esforzos dun festival deben ir encamiñados a ter unha programación sólida e unha liña editorial clara e definida. É dicir, mandar a mensaxe de: “Este é o tipo de cine polo que apostamos”. O demáis é accesorio.

[Nota: Mañá venres publicaremos a terceira e definitiva entrega do artigo]

*Marcos Nine (Hannover, 1977) é director de cine. A súa obra percorre, principalmente, polo campo da non-ficción e o experimental, sendo premiado en numerosos certames. Nine ten un especial vencello co Festival de Cine Internacional de Ourense: en 2006 merece o premio ao Mellor Director de Documentais por Pensando en soledad, galardón que repetiría no 2011 por Radiografía dun autor de tebeos. Así mesmo, participou no certame ourensán con Historia dunha parroquia (2007), O premio da Rubía (2008), A fábrica (2009), Aarón (2010), Manuscritos pompeianos e O sol nos Chaos (2011). Na 13ª edición do OUFF foi ademais, xurado na categoría de curtametraxes. Actualmente traballa nun novo proxecto de longametraxe titulado La Brecha.

– Máis info sobre Marcos Nine, aquí.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s