A necesaria revisión dos festivais de cine 1/3

Marcos Nine* | Día -44 |  O contexto actual, xa non só no mundo cinematográfico senón pensando directamente na profunda crise económica que se vive e xunto á que discorre paralelamente unha máis que fonda crise cultural desproporcionada, obriga a que tódolos que formamos parte dunha ou outra forma das industrias culturais (público incluído), comecemos a pensar e a ter un debate serio e necesario sobre o papel da cultura na nosa sociedade. Debate que debe realizarse no seo dos creadores e produtores, pero igualmente no seo da promoción de eventos culturais como é o caso dos festivais de cine.

Nos últimos anos (pensando xa en varias décadas) o cine sufriu a maior revolución da súa historia. Os cambios que se produciron foron tan brutais que probablemente hoxe en día sexa bastante complicado definir que é “cine” e que é “audiovisual en xeral”. A propia pérdida dun formato estándar afianzado pola distribución comercial e os constantes avances tecnolóxicos orientados a un consumo e unha obsolescencia inmediata remataron por provocar non só unha democratización do audiovisual senón unha hibridación de productos, xéneros, formatos… en definitiva, unha forma distinta de concibir unha obra e mesmo a percepción da mesma por parte do “espectador” (se todavía se lle pode chamar así).

Por desgracia, toda esta convulsión consecuencia do momento no que vivimos non sempre se ve reflexada nos festivais de cine (entendento como festival de cine o evento que pon en contacto ó público coa realidade cinematográfica que se vive nun determinado momento, non como o evento que lle pon a un público as películas que poderá ver no seu centro comercial máis próximo unhas semanas máis tarde: neste segundo caso, máis que de “festival” debéramos falar de “feira”).

Neste punto, non podo evitar que se me pase pola cabeza unha secuencia de Guest, de Guerín. No medio do Festival de Venecia, con todo o glamour que se lle presupón, Guerín abre o plano e a realidade entra en escena desaforando o ridículo e minúsculo mundo do fotocall deseñado para o plano medio televisivo. O descubrimento do contexto revélanos un submundo decadente no que rapazas ben feitiñas, que se presupoñen actrices, contonéanse disfrazadas diante dun cacho de cartón pedra sobrecargado de logos publicitarios mentres desfilan por unha alfombra vermella que serve para ocultar un chan que, lonxe de estar pulido e ser uniforme, está cheo de baches e imperfeccións. Metáfora máis que efectiva dun sector no que o publicitario se comeu o real e onde calquera ollada lúcida desde a distancia evidencia un mundo ficticio e arcaico e que sobrevive de xeito patético asíndose a un pasado que xa se esvaeceu. […]

  • Nota: esta é a primeira entrega de ‘A necesaria revisión dos festivais de cine’. Nos vindeiros días publicaremos as partes 2/3 e 3/3.

*Marcos Nine (Hannover, 1977) é director de cine. A súa obra percorre, principalmente, polo campo da non-ficción e o experimental, sendo premiado en numerosos certames. Nine ten un especial vencello co Festival de Cine Internacional de Ourense: en 2006 merece o premio ao Mellor Director de Documentais por Pensando en soledad, galardón que repetiría no 2011 por Radiografía dun autor de tebeos. Así mesmo, participou no certame ourensán con Historia dunha parroquia (2007), O premio da Rubía (2008), A fábrica (2009), Aarón (2010), Manuscritos pompeianos e O sol nos Chaos (2011). Na 13ª edición do OUFF foi ademais, xurado na categoría de curtametraxes.
Actualmente traballa nun novo proxecto de longametraxe titulado La Brecha.

– Máis info sobre Marcos Nine, aquí.
– [Ligazón externa: Entrevista no Zig-Zag, da TVG]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s