O exército de Pancho Villa (vol. II: Tradución)

Día -45 | Conta cos mesmos efectivos que o departamento de Produción, pero os seus membros son máis silandeiros. Subordinados á disciplina da lingua, as súas armas son as gramáticas e os diccionarios. Mentres non entramos en batalla, agóchanse tralos computadores facendo un traballo de intendencia transversal para o resto das seccións do exército de Pancho Villa. Pero cando se abren as hostilidades, toman a palabra e convértense na voz e no discurso do OUFF. Falamos do departamento de Tradución, que se encarga “desde o máis obvio, que sería traducir e subtitular os filmes e ter toda a información dispoñible (na web, no catálogo, etc.) en inglés, galego e castelán”, comenta Óscar Iglesias, “a cousas menos evidentes, como revisión e corrección lingüística de todos os textos, interpretación consecutiva dos convidados ou manter as relacións internacionais por vía telefónica ou e-mail”.

Porén, o seu labor non se reduce a marxes férreas. “Traducir non é tanto pasar un texto da lingua A á lingua B como tentar garantir que o público da cultura B entenda o material traducido como se fose público da cultura A. Na tradución subordinada, con imaxes de por medio que non se poden alterar e un espazo moi reducido para subtitular, o reto de superar o salto intercultural é moito máis difícil que noutros contextos”, apunta Óscar Iglesias, para quen o 17OUFF será o seu sexto festival. Como reto para este ano, o departamento márcase acostumar un certo sector do noso público a ver filmes subtitulados en galego. “Preocúpanos especialmente promulgar o galego como lingua audiovisual e esforzámonos en acadar subtítulos naturais e cómodos para os espectadores”, di.

Amais de dirixir Tradución, Óscar encárgase da programación: forma parte do comité de visualización e selección, e a el lle debemos, en grande medida, a programación anual dos ciclos do OUFF (+CINE e Baixo as Estrelas). Aínda así, non exerce de coronel: “Repartimos as tarefas e traducimos por separado, pero discutimos as dúbidas máis complicadas entre todos, pois tres miolos cavilan mellor ca un”, afirma.

Auria Rodríguez forma parte deste equipo por terceiro ano consecutivo, e valora por riba de calquera outra cousa “a variedade do traballo que facemos: á marxe de subtitular, traducir, interpretar e presentar nas salas, polo medio facemos todo tipo de cousas estrañas (e divertidas), desde chamadas telefónicas a Irán a acompañar un alemán a comprar Frenadol.” O feito de estar en todas as frontes (sobre todo, en primeira liña) do Festival é algo moi importante para esta ourensá de 29 anos: “Vemos o resultado e a reacción ao noso traballo, cousa que poucas veces pode experimentar un tradutor”, comenta.

Inexperto nestas lides é Adrián Domínguez, quen afronta o seu primeiro OUFF aos 23 anos. Vén de rematar a carreira, etapa na que participou no subtitulado ao galego do documental francés Nénette. E quen fala de subtitulado fala de interpretación. Inicia este camiño “con ilusión e co ánimo de sacar de cada ápice do festival unha experiencia positiva para a miña formación en todos os aspectos”. E, polo que comenta, vén con ganas: “Na vida real non existe a posibilidade da autocompracencia e o que loita, gaña, e neste caso o festival é a pura proxección da vida”. Aí queda iso.

Polo de agora, o seu labor podédelo seguir a diario a través deste blog: eles son os encargados de limpar, fixar e darlles esplendor a todas as entradas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s