O exército de Pancho Villa (vol. I: Produción)

Día -49 | Dise dos soldados de Pancho Villa que eran indisciplinados, leais, feroces, desordenados, apaixonados, valentes e absolutamente ineficaces… sempre en pos da idealizada revolución. A tropa do OUFF mantén algo desta romántica loita fronte á utopía, unha guerra de guerrillas onde cada recluta serve para un roto como para un descosido. Iso si: disciplinados, ordenados e moi (moi) eficaces. De entre as diversas faccións do noso exército, hai unha que destaca pola súa versatilidade e capacidade de acción en calquera terreo: a de Produción. Sirvan estas liñas, daquela, como homenaxe a todos os departamentos de produción do resto dos festivais.

E é que non hai departamento máis caixón de xastre ca Produción. Están presentes en todo o camiño dunha película, pero non só se ocupan do estritamente cinematográfico: que falta un micro, que se parou a película, que caeu un cartel, que precisamos augas para as roldas de prensa… Recórrese a eles cando non queda xa outra solución. Ubicuos coma ningún outro departamento, hai unha frase acuñada por un antigo compañeiro do OUFF que resume perfectamente ata onde chegan os seus tentáculos: “Produción dáse conta de todo”.

Ou, dito con máis propiedade: “O noso departamento é un popurrí de moitas tarefas; axudar ao resto de departamentos en todo o que nos solicitan, dende o copiado de películas ao subtitulado, recursos videográficos ou a posta a punto dos espazos de proxección.” Quen o di é Rebeca Domínguez, responsable de Produción. Comezou no 14OUFF como bolseira do departamento, e o que vén será o seu cuarto Festival. “A nosa tarea principal é solventar todas as frontes e ter sempre un plan b”, asegura. En definitiva, “controlar a forma e o fondo do Festival para que o resultado sexa o mellor dos posibles”.

Canda ela está José Mª. G.ª Campo, ou “Mr. Campo” (alcume que gañou despois de entrar en contacto con diferentes produtoras internacionais), encargado da Coordinación. É dicir, de recoller as películas que chegan ao Festival, darlles un rexistro de entrada e recompilar todos os materiais que se precisan para a súa proxección e promoción (carteles, tráileres, copias das películas no formato axeitado, etc.), aínda que tamén de negociar coas posuidoras dos dereitos a exhibición durante o Festival. Recolle, neste sentido, o relevo de Antonio Ginori, coordinador do Festival de Cine durante as últimas sete edicións. Todo iso e, seguramente, moitas outras cousas máis.

A fichaxe do equipo de Produción para o 17OUFF é Antía González, de Laxe detodalavida. Estudou Comunicación Audiovisual en Pontevedra e fixo prácticas no eido da documentación e do xornalismo, aínda que sempre lle interesou o cine e, especialmente, a produción. Di que algo xa fixera na Universidade, pero nunca nada “real”. Polo de agora sorrí: non sabe o que lle espera.

En Rebeca, Mr. Campo e Antía, no departamento de Produción en definitiva, repousan as esperanzas de manter este festival a flote.

Unha opinión sobre “O exército de Pancho Villa (vol. I: Produción)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s